
9º Encontro Enolóxico Galego
junio 20, 2025Un percorrido extraordinario pola diversidade enolóxica da D.O. Jerez-Xérès-Sherry
O pasado 6 de xuño, tivo lugar unha experiencia singular que combinou paixón, coñecemento e excelencia en torno aos viños da D.O. Jerez-Xérès-Sherry. A empresa de enxeñería ALFATEC organizou a IV edición da súa xa recoñecida Cata RARA VINI, un encontro que congregou a máis de 40 profesionais e amantes do viño no corazón do Ribeiro, nun ambiente privilexiado e cunha proposta enolóxica verdadeiramente extraordinaria.
O evento contou co patrocinio de Tecnología Enológica do Salnés e da Asociación Galega de Enoloxía, ademais da colaboración inestimable do propio Consello Regulador das Denominacións de Orixe «Jerez-Xérès-Sherry» e «Manzanilla – Sanlúcar de Barrameda».
A Palomino: dunha uva humilde á excelencia en mil formas
A xornada comezou coa intervención de Justo Banegas, representante de ALFATEC, quen fixo unha breve presentación da empresa, destacando o seu compromiso co sector vitivinícola e a vontade de “devolver ó sector un pouco do que este nos aporta día a día”. Un espírito de colaboración e agradecemento que marcou o ton de todo o evento.

Acto seguido, iniciouse a cata guiada por un dos grandes coñecedores do viño xerezano: José Ferrer Morato, Embaixador para a Gastronomía dos Consellos Reguladores do Marco de Jerez. Cunha exposición maxistral, amena e rigorosa, Ferrer levounos a descubrir os múltiples rostros da variedade Palomino, unha uva frecuentemente subestimada, pero capaz de dar lugar a algúns dos viños máis complexos e apaixonantes do mundo.

A través da degustación de 11 viños excepcionais, abordáronse técnicas tan singulares como a crianza biolóxica e oxidativa, o sistema dinámico de criadeiras e soleras, e outros procesos que fan do Marco de Jerez un territorio único.
Os viños da cata
Os asistentes tiveron a oportunidade de descubrir, comparar e comprender once expresións diferentes dunha mesma variedade, cunha diversidade sorprendente de estilos e elaboracións:
- Finolis – Palomino sen fortificar | Williams & Humbert
- Solera Playa – Manzanilla Fina | Bodegas del Río
- Inocente – Fino | Valdespino
- Pastora – Manzanilla Pasada | Bodegas Barbadillo
- La Honda – Fino Vello | Osborne
- Classic – Oloroso | Fernando de Castilla
- Don Zoilo – Palo Cortado | Williams & Humbert
- Escuadrilla – Amontillado | Lustau
- Conde de Aldama – Amontillado VORS | Bodegas Yuste
- Sibarita – Oloroso VORS | Osborne
- Solera East India – Cream | Lustau
Cada un destes viños ilustrou unha faceta diferente da Palomino, unha variedade que, como ben subliñou “Pepe” Ferrer, “non é unha uva neutra, senón unha uva-lienzo sobre a que o tempo e o saber facer do home pintan cadros únicos”.

Maridaxe, gastronomía e cócteles: o Jerez en todas as súas dimensións
A xornada culminou cunha deliciosa maridaxe a cargo do equipo do Restaurante Sábrego, situado no emblemático Casal de Armán. Os pratos deseñados para a ocasión acompañaron á perfección os viños degustados, demostrando que o Jerez non só é versátil en copa, senón tamén na mesa.
Ademais, tivemos ocasión de probar innovadores cócteles elaborados a partir dalgúns dos viños catados, o que puxo de manifesto o potencial do Jerez tamén no mundo da mixoloxía contemporánea.
Eventos coma este non só poñen en valor o traballo das denominacións de orixe e das adegas implicadas, senón que tamén contribúen a formar, emocionar e inspirar a quen amamos a enoloxía. A variedade Palomino, desde a súa humildade, mostrou o seu poder transformador a través do tempo, do clima e da man humana.
Desde a Asociación Galega de Enoloxía, celebramos iniciativas como a de ALFATEC, que son exemplo do bo facer, da cooperación entre entidades e da paixón polo viño. Sen dúbida, “Palomino, una uva y mil caminos” foi moito máis ca unha cata: foi unha lección viva de historia, técnica e emoción.







