
Eleccións á Xunta Directiva de AGE
enero 18, 2025
Cata Jerez: “Palomino, una uva y mil caminos”
junio 20, 2025O pasado 23 de xuño tivo lugar unha nova edición -¡e xa van nove!- do Encontro Enolóxico Galego, organizado pola Asociación Galega de Enoloxía. Nesta ocasión, regresamos a un lugar emblemático e cheo de significado para o noso colectivo: San Andrés, no corazón do Ribeiro, acollidos pola adega Casal de Armán. Un espazo que nos devolveu ás orixes dos primeiros encontros, cargado de identidade e historia vitivinícola.
Un punto de encontro para compartir, aprender e desfrutar
O obxectivo segue a ser claro: crear un espazo de encontro entre enólogos, técnicos e profesionais do sector, no que tamén teñan cabida as casas comerciais para presentar as súas novidades a través de ponencias, algunhas delas acompañadas de catas que permiten comprobar in situ os resultados dos produtos presentados.
Tecnoloxía, sostenibilidade e sabor
A xornada deu comezo coa intervención da empresa SAI Enology, representada por Filipe Ribeiro, quen afondou na estabilidade tartárica dos viños mediante CMC (carboximetilcelulosa), ofrecendo unha análise detallada das aplicacións e beneficios deste método, así como doutros produtos destinados á estabilización.

Seguidamente, AZ3Oeno, da man de Alejandra Urzay, propuxo unha interesante cata sobre a lonxevidade dos viños brancos. A través de dous viños de alta gama e diferentes procedencias, puidemos percibir matices e características propias que permitiron abrir un interesante debate técnico entre os asistentes.

Unha aposta innovadora: dar vida ós residuos
A terceira ponencia foi dunha das máis sorprendentes. MENASA-ENOGALIA, con Manuel Sánchez, e Tecnilab, con Juan Carlos Mohíno, presentaron en primicia en España a tecnoloxía BIOEX, representada polo seu inventor Hüseyin Senay, un sistema de fermentación rápida orientado á valorización dos residuos vitivinícolas. Para amosar a súa eficacia, realizouse unha carga previa con oruxos e raspóns, á que se lle aplicou unha combinación específica de enzimas e bacterias. O resultado, tras 24 horas, foi a obtención dun produto con aspecto similar ó humus pero cunha elevada concentración de materia orgánica. Unha proposta innovadora que ofrece unha saída sustentable aos subprodutos do sector e que abre novas vías para a produción de emendas agrícolas.
Dixitalización: a adega intelixente xa está aquí
Despois da pausa para o café, retomamos a sesión coa intervención de Fermín Ramos, Global Engineering Manager de ENARTIS, que nos introduciu na transformación dixital da enoloxía. A través da súa ferramenta WINEGRID, baseada en intelixencia artificial, presentouse un sistema de control intelixente dos procesos enolóxicos, orientado á mellora da calidade e eficiencia nas adegas. Un paso firme cara á viticultura do futuro, sustentado en datos, automatización e integración tecnolóxica.

A Biotecnoloxía para viños con personalidade
A derradeira ponencia técnica correu a cargo da Dra. Dolores Pérez, de Lallemand, cunha intervención centrada nas innovacións biolóxicas para a mellora sensorial dos viños brancos. A través dunha cata comparativa, analizáronse viños testemuña das variedades Albariño e Godello fronte a mostras tratadas con Caudalys, unha levadura inactiva de Torulaspora delbrueckii, que amosou un perfil sensorial diferenciado e prometedor.

Unha cata excepcional con Antonio Moral
Como peche técnico da xornada, gozamos dunha auténtica experiencia enolóxica: a cata maxistral de Antonio Moral, enólogo da recoñecida adega Aalto (Ribera del Duero) e presidente da Asociación Castellano-Leonesa de Enólogos. A súa presentación, “Os terruños da Ribera del Duero”, permitiunos coñecer en profundidade os distintos viñedos clave da adega. A través de 12 mostras —na súa maioría viños en rama— exploramos a súa evolución en barrica e botella. Sen dúbida, unha oportunidade excepcional e pouco habitual, que resultou unha experiencia profunda, honesta e emocionante, onde a súa xenerosidade deixou unha fonda pegada entre os asistentes.
Como é tradición, o Encontro pechouse cun xantar de confraternización, espazo indispensable para compartir vivencias, intercambiar impresións e fortalecer os lazos profesionais e persoais entre compañeiros. Durante o mesmo, tivo lugar a cata dos viños galegos galardoados co Gran Oro no Concurso Nacional de VinEspaña 2025, un orgullo para o noso sector.
Gracias por facelo posible
Ademais das firmas participantes, expresamos tamén o noso agradecemento pola colaboración das empresas Dolmar, Alfatec, Agrovin, Tecnoloxía Enolóxica do Salnés, Viticampo, FOSS e Cepas&Vinos, cuxa implicación tamén fixo posible esta nova edición do encontro.
Agardamos con ilusión o 10º Encontro Enolóxico Galego. Ata entón, saúde e bo viño!













